Terça-feira, Dezembro 13, 2005

Entrevista a Adriana e Alberto, fundadores de Norfolk.

Boas tardes senhores.
Adri: Boas tardes
Alberto: Boas.

P:Bem, antes de nada, o que é Norfolk para vocês?
(os dois sopram...)
(sorrisos)

Adri: En primeiro lugar diría que somos un conxunto de amigos que nos xuntamos para toca-la música que nos gusta e pasar moi bos momentos xuntos. Nenbargantes a medida que pasa o tempo vexo que somos xa unha completa entidade artística e musical, cousa que humildemente me congratula.

Alberto: a todo isto, somos un grupo de musica folk-tradicional galega, que coida moito tanto a súa melodía coma a súas letras.

P: Como foi que tudo começou?

Alberto:Pois nun principio comezamos a raíz dun concurso no instituto Adriana, Marcos e eu. Posteriormente foise ampliando o grupo ata a formación actual con 6 persoas, Adriana, Marcos, Dani, David, Jorge e eu.

Adri: Foi co "espertar" creativo da adolescencia que Alberto e eu falamos de facer algo xuntos de cara ó Certame Musical da Mocidade coa Lingua, concurso musical entre institutos de bacharelato de Ferrolterra; así comezamos: Marcos coa gaita, Alberto coa guitarra e eu coa voz...

P: O que é que os motiva como grupo?

Adri: Eu diría que o afán por devolver e mante-la cultura musical e literaria galega nos postos de relevancia que merece.

Alberto: Sen dúbida, motívanos o feito de ir recuperando paulatinamente a cultura galega e de ir innovando.

P: Que expectativas tens para Norfolk? como vêem o futuro do grupo?

Alberto: O futuro dentro do mundo da música é impredecible, se me preguntas polas nosas aspiracións, queremos chegar a consolidarnos coma grupo dentro da cultura musical galega e que se nos recorde por un traballo serio e de calidade.

Parezo un profesional contestando eh?? (risas)

Adri: Non sei ben que contestar, porque o que facemos é por pracer e motivación persoal, e non comercial; mais coa calidade que adquirimos nestes anos penso que podemos e poderemos levar a nosa obra moi lonxe no panorama artístico.

P: Que influencias têm na vossa música?

Alberto: A influencia que recibimos pola idade que temos é de grandes artistas consolidados coma Carlos Nuñez, Luar na Lubre e algo de Milladoiro…Tamén , claro, do folclore Asturiano e Portugués.

Adri: Afortunadamente xa podo dicir que depende da etapa á que se refira (risas). Ó principio era máis un estilo melódico, con influencias de Luar na Lubre e Carlos Núñez, coa seu virtuosismo na frauta. Agora é un estilo máis tradicional, coma Milladoiro, e máis celta, ó estilo irlandés e escocés...

P: Aproveito que tocáste ai num tema que considero bastante evidente, a evolução no vosso estilo de musica, para te preguntar que evolução há na Adriana adolescente do primeiro disco para a Adriana de agora e que consequencias aparecem na tua voz?

Adri: Hei de dicir que a nivel persoal tamén tiven diversas influencias, comezando voces coma a de Rosa Cedrón ou Paloma Suanzes. Agora son máis cercana ó estilo portugués coa forza e o sentimento do fado, como o exemplo de Dulce Pontes e Teresa Salgueiro de Madredeus.
Teño que reseñar tamén que no tránsito de moza a adulta a miña voz sufriu moitos cambios e ata cheguei a pedecer de nódulos nas cordas vocais. Esa é unha das razóns que explican as diferencias entre o primeiro e este segundo disco.

P: Falem-me desse trabalho "Cousas Nosas", o vosso novo disco.

Alberto: Cousas Nosas xa se ía titular o primeiro traballo de Norfolk, que ó final se chamou "Brillan Astros", é un nome moi axustado ó estilo deste segundo disco, cun aire moito máis tradicional e moito máis vivo ca no primeiro traballo, que é máis lírico.

P: …e no entanto tem uma caixa flamenca, un baixo electrico, coisa que o primeiro não tem e que de alguma forma podia contrariar o que acabas de dizer.

Alberto: Xa, pero é que o baixo eléctrico entrou por enchufe, que se é por min, vaise a vender bragas á Feria de Coimbra!!!!
(todos se riem)


eso podes anotar!!

(mais gargalhadas)

Como ben dixen anteriormente, tamén queremos innovar e meter outros instrumentos para un maior enriquecemento dos temas: baixo, bouzouki, etc.

P: Que instrumentos ouviremos neste novo disco?

Alberto: Guitarras, frautas, violíns, baixo, bouzouki, percusión e por suposto a gaita, que é o emblema musical de Galicia e dos países celtas coma o noso.

Adri: Estou completamente de acordo con Alberto, pero ademais de ser un traballo máis vivo, penso que é tamén máis elaborado, máis innovador e máis completo. Desde logo, ten máis de "nos".

P: E quanto de "vos" é investido neste projecto, porque sei que tudo o que fazem é por vossa conta, nao têm apoios de editoras nem de qualquer companhia? querem explicar um pouco..

Adri: Como xa dixemos antes, non é o obxectivo principal gañar cartos, así que todo o que recaudamos de actuacións e concertos é reservado para isto, aínda que se sobra mellor...
(risas)
Non vivimos da música, de momento, e o bo diso é que nos dá unha liberdade que non nos daría, por exemplo, estar atados a un contrato cunha productora que esixe isto por aquí, isto por alá...

P: Algo mais que queiram acrescentar?

Adri: Só agradecer a súa atención; é moi gratificante ver que o país irmán se interesa por nós e pola obra musical galega. Obrigada.

Alberto: Nada máis, só agradecervos as molestias por la entrevista (risas) e animar á xente a que adquira o disco.